Clamo a voces polo Señor, cara ao Señor eu suplico (Salmo 141).

Era sábado. Caía a tarde do 3 de outubro de 1226 cando Francisco de Asís coa voz entrecortada recitaba este salmo. Sabía que a irmá morte corporal viría a recibilo unha vez pechados os ollos, esa mesma que lle daría a plenitude e a vida eterna. Co gallo do 800 aniversario do tránsito do Poverello esta Semana Santa as palabras do salmista deben resoar nos nosos corazóns. Aquel a quen a vida lle dera bens efémeros, como riquezas, fama e honra, deixouno todo xunto coa herdade que lle ía outorgar o seu pai para facerse en todo a Cristo. Francisco, pobre e humilde entra no ceo, pero non sen antes saborear os estigmas da paixón do Señor. Con el iníciase unha nova etapa na vida da igrexa e con seu contemporáneo Domingo de Guzmán recuperarán a pedagoxía da oración e da contemplación a través das imaxes.

Herdeiros de esta tradición tamén as imaxes das igrexas de Betanzos non só saen as rúas para percorrelas como un itinerario xa aprendido senón que a súa misión é a de recordarnos os misterios centrais da nosa fe: a paixón, a morte e resurrección de Cristo Xesús que antes celebraremos na Sagrada Liturxia. Sen esta última, o demais non tería sentido de ser e de existir. Por iso, un ano máis, ao igual que Francisco que abrazou en San Damián a cruz do Señor sexa para nos tempo de recollemento e de piedade, tempo de oración e meditación, tempo de conversión e de gracia.